Saturno cea no McDonald's





Saturno devorando o seu fillo. Tres pinceladas de historia da arte. Francisco de Goya. Romanticismo. Pinturas negras (unha da serie de catorce que o zaragozano pintou coa técnica de óleo al secco). Datos máis que coñecidos para uns, novidosos para outros ou quizais esquecidos no recuncho no que os que cursamos o bacharelato de humanidades deixamos empoar o que aprendemos, que xa se sabe que non vale para moito. 

Saturno (Chronos na mitoloxía grega), temeroso de ser destronado por algún dos seus fillos, engúleos sen piedade para evitar perder o poder. Porén, un deles, Xúpiter (Zeus), logra escapar das fouces de seu pai e coa axuda da súa nai, Rea, fai que Saturno devore unha pedra envolta en cueiros sen levantar as súas sospeitas. Co tempo, será o propio Xúpiter quen se converterá no xefe dos deuses, arrebatando o lugar do parricida. 

O mito, nunha primeira lectura, e xa se sabe que nas primeiras veces todo se toma excesivamente ao pé da letra pode semellarnos o relato dunha atrocidade imaxinable precisamente só nese contexto, o mundo dos mitos. Mais o étimo grego da palabra, mythos, componse da raíz my- (a cal fai referencia á onomatopea, imitación e emisión de sons). É así que no antigo uso lingüístico homérico, o significado do termo mythos non dista do de 'relato', 'discurso' ou 'notificación'. Pode ser, entón, que no ficticio se entrevexa algo de realidade, e mesmo da nosa realidade.

Xustamente de poder e de fillos pretendo tratar nestas liñas, nas que retrocederei aproximadamente un mes, a un venres de xuño. Día 24. E algún e sobre todo algunha— xa saberá por onde van os tiros. Dobbs v. Jackson Women's Health Organization. Duascentas trece páxinas de sentenza da Corte Suprema dos Estados Unidos. O xigante americano tamén retrocede, pero, desta volta, faino case cincuenta anos se nos cinguimos estritamente ao recollido no papel, claro, e deixo á conciencia de cada un o considerar se os dereitos existen a partir do momento no que se reclaman ou no que se recoñecen—. 

No 2018, Phil Bryant, un home canoso e co nariz en forma de frecha por aquel entón gobernador republicano de Misisipi, fillo dun mecánico e dunha ama de casa, restrinxiu o dereito ao aborto ao establecer como tope as 15 semanas de xestación. Esta decisión entraba en conflito, nin máis nin menos, que co dereito constitucional que garante o precedente de 1973 (o sonado Roe v. Wade) de poder proceder á interrupción voluntaria do embarazo ata o momento no que o feto sexa potencialmente capaz de vivir fóra do útero materno. Despois de que en novembro do 2018 un xuíz federal derrogase a lei, o caso acabou no Supremo. A sentenza emitida por este casualmente integrado por unha maioría masculina, cun membro, cortesía de Trump, que conta con varias acusacións de abuso sexual, e outra, proposta polo mesmo ex-presidente, intérprete ortodoxa da Constitución anulou tanto a decisión de Roe v. Wade (1973) coma a de Casey v. Planned Parenthood (1992), que viña confirmar a anterior.

Dende a perspectiva de calquera persoa non familiarizada co sistema xudicial estadounidense, profundamente politizado en comparación co, por exemplo, español, a decisión causa, canto menos, estupefacción. A explicación vén da man da curiosa dinámica ianqui de elección dos membros da Supreme Court, que esixe que estes sexan nomeados polo presidente da nación e posteriormente confirmados polo Senado, adquirindo, deste xeito, un cargo vitalicio. Non resulta complexo, pois, inferir que os presidentes elixirán os candidatos en función do seu grao de afinidade política, e o Senado, dependendo de se as súas bancadas están maiormente tinguidas de vermello ou de azul, votará tendo en conta un tanto do mesmo. A maioría republicana senatorial que impediu o triunfo do candidato de Obama para substituír ao falecido Antonin Scalia e que tería consagrado unha maioría de 5-4 para os demócratas, sumado ao mandato de Donald Trump que deixaría tres republicanos máis, a última dos cales sería nomeada tras a morte da demócrata Ruth Bader Ginsburg, acérrima defensora dos dereitos das mulleres, hai escasos dous anos, pouco antes de que Trump perdese as eleccións, motivou a actual maioría republicana 6-3.

A xulgar polo conservadorismo imperante, non é de estrañar, polo tanto, tamaña restrición no dereito á interrupción voluntaria do embarazo. A derrogación de Roe v. Wade implica que a regulación do aborto recaerá, a partir de agora, nos lexisladores locais, estatais e federais. Isto supón que 36 millóns de mulleres en idade fértil residentes nos 13 Estados do país que dispoñen de trigger laws se ven afectadas pola prohibición automática do aborto no primeiro e segundo trimestre do embarazo. O caso máis  extremo quizais sexa o de Texas, onde a Heartbeat Act (aprobada en maio de 2021) prohibe o aborto a partir do momento no que o feto presenta actividade cardíaca (arredor da sexta semana de xestación, cando a muller, en numerosas ocasións, aínda descoñece que está encinta).

É así como, en resumidas contas, o país sobre cuxo solo se erixe a Estatua da Liberdade decidiu comezar o verán acabando coa liberdade reprodutiva das súas persoas con útero. Todo un triunfo para os defensores da vida, por suposto, aqueles que a conciben como o mero acto de nacer e non de vivila e impoñen sobre unha vaxina allea a obrigatoriedade de darcha aquí, agora e nestas precisas circunstancias, porque así o elixiu a súa moralidade. Aqueles, os salvadores, que poida non pasasen da primeira lectura, pois como xa afirmei ao comezo, nas primeiras adoita tomarse todo excesivamente ao pé da letra. Mais, por sorte para eles (e para a comunidade de persoas que nacemos coa milagreira capacidade de facer xermolar a vida dentro de nós), iso cúrase de xeito moi sinxelo: volvendo darlle unhas cantas lecturas máis. Á vida, digo, e a algún que outro libro, quizais, tamén.

Asinar esta entrada suponme escribir o meu nome e apelido coa conciencia do meu privilexio por nacer e residir ao outro lado do Atlántico, e non podo senón facelo dende a solidariedade e, como é natural, o terror. Porque a min si se me permite facer uso do meu dereito ao aborto, pero á miña nai, cando tiña a miña idade, non se lle tería permitido nos mesmos supostos, e á miña avoa, directamente, teríana prendido. Esta vai por todas as avoas que teño e temos en moitas e demasiadas partes do mundo e quen queira desprenderse, dende a comodidade que aportan a neutralidade e o feito de non inmiscirse no que a un non o toca, dese morfema de número-persoa, que cargue coa imposibilidade de reclamar apoio cando o Atlántico o salpique, e que teña en conta que ten moitas pingas de auga. Avoas, nalgúns casos, de menor idade ca min, e que, non sei por que conto que algunha vez me pareceu escoitar da persistencia da fenda económico-racial no país do American Dream, probablemente (e máis seguro que probable) de pel máis escura que a miña. 

Os cartos seguirán a mercar moralidades. O privilexio continuará a agasallar a quen non decidiu nacer con el coa potestade para decidir sobre, precisamente, a conveniencia dun nacemento. A cantidade de vida será esgrimida como argumento para xustificar a mingua da súa calidade. E Saturno, ou Chronos, dende a Antigüidade grecorromana, observa os seus múltiples alter ego da contemporaneidade, póñalles o lector os nomes que considere, e pensa que, ao final, o mito non ficou (e ben puidese) na cabeza dos estudantes de humanidades. A terra da fast food por excelencia, a bandeira estrelada, o país dos países tamén aniquila os seus fillos por medo a perder o poder. Non os come, por non concederlles tal nota de conmiseración, senón que, de xeito paradoxal, fórzaos a responsabilizarse dunha segunda vida cando, quizais, aínda non tiveron nin terán a oportunidade de coñecer a primeira. E, entón, penso que Goya as chamou pinturas negras por algo. E penso, tamén, que nalgún momento Xúpiter derrocará a tiranía paterna (patriarcal para nós), coa axuda de Rea, que casualmente, é nai con todo o poder que outorgan (e algúns pretenden arrebatarnos) esas tres letras. 


Noela Rivas
 

Comentarios

  1. Que ben pensas Noela! Oxalá a corte suprema non siga a facer máis cousas propias da antigüidade, sen faltarlle ao respecto aos últimos :(

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Entradas populares