1983

 


"1983 foi un ano común comezado en sábado no calendario gregoriano. Foi designado o Ano Mundial das Comunicacións pola ONU". Así rezan as dúas primeiras frases da Wikipedia se introduces no seu todopoderoso buscador as catro cifras que dan nome ao octoxésimo terceiro período de doce meses do século XX. No 1983 pasaron moitas cousas. Foi o ano no que Microsoft anunciou a primeira versión de Windows, España aboliu o uso do garrote vil, naceu a banda estadounidense Red Hot Chili Peppers e a selección española de fútbol gañou 12-1 a Malta no histórico partido de clasificación para a Eurocopa de Francia do ano seguinte. Ah, e, ademais, aprobouse a Lei 3/1983, do 15 de xuño, de Normalización Lingüística. 

En plena democracia exenta xa de toda físgoa franquista, para uns, ou inmersos nunha transición que non acababa de liberarnos por completo da lousa de trinta e nove anos de ditadura, para outros, o caso é que a principios dos 80, cando Alaska aínda cantaba Perlas ensangrentadas cun cabelo tinguido de roxo que ben podía ser resultado de meter os dedos nun enchufe ou ben podía electrocutar el mesmo a calquera que fose o suficientemente ousado como para pasar a man entre as súas guedellas, o Parlamento de Galicia tomou a peregrina decisión de escribir sobre un papel que o galego era a lingua propia de Galicia e que todos os galegos tiñan o deber de coñecelo e o dereito de usalo. E, basicamente,  meteu os dedos no enchufe. E, efectivamente, queimouse.

O enchufe leva o nome do Recurso de inconstitucionalidade núm. 678/1983 e a queimadura, tres anos máis tarde, chegou da man da Sentenza núm. 84/1986, de 26 de xuño. Esta última, dispoñible en cuestión de segundos para calquera que dispoña de acceso a Internet a través da páxina do BOE, non ocupa máis de tres páxinas, aínda escritas coa inconfundible e recentemente tan poetizada tipografía das máquinas de escribir. Na primeira delas, exponse que os maxistrados do Tribunal Constitucional "han pronunciado en nombre del rey", nesa fórmula continente da fosilizada expresión da potestas regalis, incompatible cunha monarquía parlamentaria como a nosa, a sentenza que segue. Nos antecedentes especifícase que o Avogado do Estado, en representación do Presidente do Goberno da Nación, impugnou a inconstitucionalidade dos artigos 1.2 e 7 da citada Lei 3/1983. "Señala en su escrito el abogado del Estado que (...) en cuanto al art. 1, apartado 2, preceptúa que todos los gallegos tienen el deber de conocer y el derecho de usar el idioma gallego. Se extienden, pues, las consecuencias jurídicas de la cooficialidad a la imposición, para los que tengan la condición política de gallegos, de un deber de conocimiento".

Desempoando as poucas notas que aínda conservo dos escasos apuntamentos que tomei nalgunha que outra clase de dereito, batín coa caracterización formalizada nun metafórico sintagma preposicional coa que, cos meus dezaoito anos sentados nunha das cadeiras da facultade de Compostela, me explicaron por vez primeira a redacción do art. 149 da CE: "en fervenza". "Redacción en fervenza", así nos exemplificaron, ás decenas de alumnos de primeiro curso que estabamos presentes aquel día, a forma na que os lexisladores do 78 decidiron concretar as competencias exclusivas do Estado. Un precepto certamente escuro e difícil de interpretar consistente nunha serie de excepcións á regra e excepcións á excepción (como case sempre ocorre nos textos lexislativos, por outra parte, e máis no que concirne ao complexo reparto de competencias entre Estado e CCAA), que remata, no art. 149.3, establecendo que "las materias no atribuidas expresamente al Estado por esta Constitución podrán corresponder a las Comunidades Autónomas, en virtud de sus respectivos Estatutos. La competencia sobre las materias que no se hayan asumido por los Estatutos de Autonomía corresponderá al Estado". 

Precisamente a violación do art. 149.6 da CE, que recoñece, entre outras, a competencia en lexislación procesal como exclusiva do Estado, é a razón da impugnación, por parte do Avogado do Estado, do art. 7.1 e 2 da Lei 3/1983, no que se contempla o dereito da cidadanía a "utilizar cualquiera de las dos lenguas oficiales en las relaciones con la Administración de Justicia" (7.1) e que "las actuaciones judiciales en Galicia serán válidas y producirán sus efectos cualquiera que sea la lengua oficial empleada"; engadindo que "en todo caso, la parte o interesado tendrá derecho a que se le entere o notifique en la lengua oficial que elija" (7.2). O Tribunal Constitucional seguiu a consideralo válido, desestimando parcialmente o recurso, por canto "dichos preceptos no imponen obligación alguna del uso del gallego a la Administración de Justicia y se limitan a declarar las consecuencias que inmediatamente se derivan del derecho al uso de dicha lengua establecido en el art. 5 del EAG". E grazas a toda esta parrafada, e aínda menos mal, podemos dirixirnos aos administradores de xustiza e esixir ser atendidos por eles na lingua que elixamos. Somos verdadeiramente afortunados!

Pero volvendo ao primeiro dos artigos impugnados, o ditoso teñen o deber de coñecelo do 1.2, é preciso que un continúe avanzado na sentenza para chegar aos fundamentos xurídicos, nos que se argumenta a declaración da súa inconstitucionalidade. Nel, esgrímese que, se ben o art. 3.1 da CE recoñece o deber dos españois de coñecer o castelán como lingua oficial do Estado, deber que, e cito textualmente "resulta concordante con otras disposiciones constitucionales que reconocen la existencia de un idioma común a todos los españoles, y cuyo conocimiento puede presumirse en cualquier caso, independientemente de factores de residencia o vecindad. No ocurre, sin embargo, lo mismo con las otras lenguas españolas cooficiales en los ámbitos de las respectivas Comunidades Autónomas, pues el citado artículo no establece para ellas ese deber, sin que ello pueda considerarse discriminatorio, al no darse respecto de las lenguas cooficiales los supuestos antes señalados que dan su fundamento a la obligatoriedad del conocimiento del castellano".

En termos máis sinxelos, considérase que o carácter cooficial da lingua galega impide que o órgano lexislativo da nosa comunidade autónoma, o Parlamento de Galicia, teña competencia para lexislar sobre o deber de coñecela. Sin que ello pueda considerarse discriminatorio porque non se dan los supuestos antes señalados. E a iso reducen a lingua dun territorio que, por non ser Estado, non é merecedor, nin tan sequera, do deber de coñecerse a si mesmo. E o descoñecemento do propio, antes ou despois, remata por converterse en condena. O 26 de xuño de 1986 dixéronnos que podiamos darnos cun canto nos dentes só con ter obtido o recoñecemento da cooficialidade da nosa lingua, pero que tampouco nos excedésemos a pedir dereitos que lle corresponden única e exclusivamente á lingua de todos los españoles. Que mais iamos querer, se durante as catro décadas anteriores ese dialecto de secesionistas estivera completamente prohibido? Bastante nos permitiran xa.

Trinta e nove anos despois, no art. 1.2 da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de Normalización Lingüística figura o noso dereito pero xa non o noso deber. Porque así debe quedar establecido para garantir o correcto funcionamento do noso ordenamento xurídico, creado ante a incuestionable necesidade humana de auto-regularse. A isto remite o aforismo ubi societas, ibi ius, probablemente escrito en todos os encerados de todas as primeiras clases de dereito en calquera universidade de Occidente, no que o milanés Cesare Beccaria condensou a conveniencia natural de que a nosa conduta se supedite a normas, preceptos, disposicións, prohibicións e punicións. Non vaia ser que o seu incumprimento nos leve a un caos anárquico tal no que reine o atrevemento a, por exemplo, reclamar que en Galicia se teña que coñecer o galego. Como vai ser iso? Como se vai equiparar, no noso modelo cuasifederal no que xa de bastante autonomía se lle permite gozar ás comunidades, Galicia a España? Como se vai impor deste xeito unha lingua cooficial? O seguinte sería, como mínimo, unha atrocidade semellante á extinción do castelán porque xa se sabe que ser a cuarta lingua con máis falantes no mundo é unha posición, canto menos, ameazada—.

Paréceme, polo tanto, unha casualidade así ferinte como irónica que o 1983 fose declarado o Ano Mundial das Comunicacións coincidindo coa data na que a aprobación da Lei de Normalización Lingüística aventuraba un paso máis nalgo tan simple como a consideración da nosa lingua como normal—  e, pola súa parte, o 1986 fose declarado o Ano Internacional da Paz, correspondendo coa extirpación dun dos deberes esenciais das persoas galegas so pretexto de manter o pacífico funcionamento do noso sistema xurídico. 

E aínda hai quen fala de imposición. E aínda hai quen afirma a inexistencia de conflito lingüístico. E aínda haberá quen pense que tamaña estupidez pode levar a unha servidora a perder tempo en ler un documento redactado dúas décadas antes de que ela nacese e logo perder aínda un pouco máis escribindo estas liñas. Mais o certo é que se chegaches á derradeira, permíteme alertarte de que a túa sacrificada forma de perder o tempo quizais poida facerlle gañar a Galicia algo de historia.


Noela Rivas


Comentarios

Entradas populares