A todos os nenos que falan galego (e que lle falarán galego aos seus nenos)
A todos os nenos que falan galego. Así dedicaba Neira Vilas o seu célebre Memorias dun neno labrego. Eu engádolle algo máis, e que lle falarán galego aos seus nenos, nunha sorte de homenaxe, quizais feita en van, a quen en pleno século XXI sabe que a lingua só pode exercitarse dunha única maneira: movéndoa. E con ese propósito naceu Boi de palla -con desculpa de Xoán Manuel Pintos, de quen tomei emprestado un anaco de verso da súa Gaita Gallega para bautizar este blog-, co propósito de mover a lingua. A nosa lingua. A miña lingua.
Non importan a temática, nin a motivación. Poida ser política, literaria, educativa ou meramente destinada a ocupar o tempo de lecer. O que importa é que a movamos. Que a movamos nós, os que a facemos ser e os que temos a responsabilidade de actualizala ás novas xeracións. Porque, ao meu parecer, de nada serven no mundo da tecnoloxía, do instantáneo e do trending topic longos monólogos ensaísticos e pezas con temáticas -se ben necesarias- afastadas dos intereses das novas xeracións, se o que se pretende é levar o galego á boca dos máis novos. Porque a principal ferramenta coa que poder combater a indiferenza e o rexeitamento deste noso idioma por parte dunha mocidade que se move a golpe de clic é, precisamente, tamén un golpe de clic.
Di un vello refrán que se non podes co teu inimigo, únete a el, e iso tentarei conseguir, aínda que sexa nunha porcentaxe mínima, con este espazo virtual. Levar o galego aos asuntos de hoxe, contribuír a convertelo nunha fala que se sinta como natural -e digna- e desprendela dos prexuízos con que a pintan os ollos dos que, hoxe en día, non a falan por preguiza, falta de costume, vergoña ou descoñecemento. Para que entendan que coidala non é un deber, nin unha imposición, nin unha decisión guiada polo politicamente correcto. Coidala é un PRACER.
Ou Galicia, Galicia boi de palla
Canta lástima ten de ti o Gaiteiro!
O aguilón que che meten é de aceiro
E con el muita forza te asoballa
A Gaita Gallega (1853) - Xoán Manuel Pintos
Este comentario ha sido eliminado por el autor.
ResponderEliminaralgún día quero a túa firma xunto á de Neira Vilas :)
ResponderEliminar